Os milagres de Santiago

Os milagres de Santiago chegou á biblioteca da Casa Galicia de Las Palmas acompañando aos galegos da diáspora e cerca do único Camiño do Santiago fóra de Europa.


https://www.amazon.es/dp/B093RS7KY4/ref=cm_sw_r_apan_glt_i_J7X0HN9Y2Y9ZC8805HFB

A paixón de Santiago Alfeo

Santiago Alfeo foi chamado así para diferencialo do primeiro Santiago que se chama Cebedeo. Ambos os dous tiñan os nomes polos seus país, Xacobe, nome hebreo, que na nosa lingua quere dicir protector dos homes. No Evanxeo recibe o nome de Santiago o Menor, e foi o primeiro bispo de Xerusalén. Como era un home xusto nas escrituras recibe o nome de “varón da palabra e artífice da verdade”. Tiña tanta santidade que a xente de Xerusalén pelexaban uns cos outros por tocar o pano da súa vestidura.
Este Santiago, mentres estaba predicando a palabra de Xesús Cristo, o fillo de Deus, en Xerusalén, foi arroxado do altar e apedrado polos xudeus e soterrado alí nas proximidades do templo.
Xosefo, testemuña que foi un home santo. Cría que pola súa morte fora destruída Xerusalén, tal e como se contará máis adiante. Despois de que Noso Señor subise ao ceo, Santiago Alfeo foi ordenado bispo de Xerusalén polos outros apóstolos. Era chamado o Xusto porque estando no ventre da súa nai xa era santo. Nunca bebeu viño nin sidra, , non comeu carne, non tivo feblezas, non deixou coroa nin barba, non se bañou nin untou en aceite segundo adoitaban facer entón os homes, nin empregou outras roupas que non fosen de liño. Tantas veces estivo de xeonllos ao día rezándolle a Deus que tiña calos neles. Por isto e porque nunha deixaba de facer cousas boas foi chamado o Xusto, que quere dicir home recto no seu proceder. As escrituras chámanlle Elías, que quere dicir tanto garda da xustiza como do pobo. Destacaba entre os demais apóstolos pola súa vontade, que era un grande home. Os xudeus deixábano entrar no Santa Santorum, o lugar máis sagrado e máis honrado que tiñan segundo a súa lei. Foi o primeiro entre os apóstolos que foi honrado polos seus compañeiros coa potestade de celebrar misa con vestimenta de bispo, despois que Noso Señor subiu aos ceos.

A batalla das cruces vermellas

Ao día seguinte dixéronlle a Carlos que o señor de Navarra, chamado Furro, que estaba no monte Garsín quería loitar contra el. A véspera do día da batalla, Carlos rogou a Deus que lle amosase quen eran os que tiñan que morrer naquela contenda. Ao outro día, cando estiveron armados todos os cristiáns, apareceulles a aqueles que ían morrer detrás sobre as lorigas e nos ombros cruces vermellas. Cando Carlos o viu comprendeu que eses eran os que tiñan que morren na loita se entraban en batalla, para evitalo, pecháronos a todos nun lugar escoitando misa. Como ninguén puido cambiar o desexo de Deus nin os seus feitos, despois de vencer na batalla, matar ao príncipe Furro e a tres mil mouros, volveu Carlos onda aqueles que deixara encerrados e atopounos a todos mortos, eran aproximadamente uns cento cincuenta cristiáns. Aqueles santos loitadores que escaparon da contenda cos mouros non evitaron o martirio divino.
Despois Carlos conquistou o castelo do monte Garsín e toda a terra de Navarra, que quedou baixo o seu señorío.