Entrevista en Entre Párrafos

En el trigésimo octavo episodio de Entre Párrafos me han entrevistado hablando de mi obra y de la literatura en general.
Puedes encontrarlo en Spotify:
https://open.spotify.com/episode/4yxZmBCrbJODgnRtuEhFTh?si=bd12d3c08261478d

En el blog:
https://marcelogurbano.com.ar/manuel-anton/

En YouTube:
https://youtu.be/l2AaPjng9D0

Y en todas las plataformas: Google, Apple, Amazon Music, Castbox, iVoox, Radio Public

https://radiopublic.com/entre-prrafos-encuentro-de-escrit-WdmevL
https://podcasts.google.com/feed/aHR0cHM6Ly9hbmNob3IuZm0vcy84ZjFlNzFjYy9wb2RjYXN0L3Jzcw?sa=X&ved=2ahUKEwjcx7u80JT6AhXPOLkGHdroDrYQ9sEGegQIARAC
https://music.amazon.com/podcasts/effa7b76-bc79-4178-a0cf-cf797622f2fc/entre-p%C3%A1rrafos-encuentro-de-escritores
https://www.ivoox.com/podcast-entre-parrafos-encuentro-escritores_sq_f11524300_1.html

podcast #Entreparrafos #cultura #libros #escritores #escritor

Comprometerse coa lingua é comprometerse cos proxectos normalizadores (2013)     

Estes días ando a remexer nos artigos que me enviaron do Concello de Bueu como membro do Xurado do Premio de Xornalismo Johan Carballeira. Ao fío da lectura das propostas presentadas polos xornalistas participantes xurdiu a reflexión que agora quero compartir con todos os que len as páxinas deste xornal, un dos poucos que aposta polo galego como lingua e como sinal de identidade propia desta terra. 

O premio do que son xurado dende hai xa un feixiño de anos ten sempre un grande atranco que preocupa a Xabier, o secretario do premio e quen exerce o seu día a día como animador sociocultural do concello morracense. Por que son tan poucas as propostas que se presentan para un dos poucos premios xornalísticos que hai nesta terra? Moitas veces, cando me traslada esta inquedanza, pensa que a pouca participación hai que procurala na pouca repercusión que ten o certame entre os xornais galegos. Eu, son dos que penso, como outros que foron membros do xurado nalgunha das súas edicións e mesmo premiados, hai que procurala no pouco que se escribe e se publica en galego na prensa deste país. Aí é onde está o cerne da escasa participación e a cuestionable calidade dos artigos, crónicas, entrevistas, reportaxes ou artigos de opinión que chegan cada ano como candidatos ao premio.  

Se botamos unha ollada á prensa en galega que sae todos os días á rúa, a presenza da nosa lingua segue a ser marxinal, non hai máis que botar unha ollada ás páxinas de La Voz de Galicia, do Faro de Vigo, La Región, El Progreso, Diario de Pontevedra. Ollo ao dato, todas estas cabeceiras en perfecto castelán. Será pola súa importante presenza fóra da nosa terra? Nada máis lonxe, a non ser o caso de La Voz de Galicia, porque dos outros a súa repercusión fóra de Galicia é unha anécdota. Os xornais galegos seguen deixando á nosa lingua os espazos comarcais, locais, columnas de opinión ou mesmo ás páxinas de sucesos. Mantendo a actitude diglósica que xa vén dende o século XVI e máis de trinta anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística.  

O espazo para a lingua galega é curiosamente o máis próximo ás sociedades modernas, o dixital. Aí é onde o galego está a atopar un ámbito no que poder manterse e mesmo fornecerse como lingua. Tres son as cabeceiras nas que se mantén como lingua exclusiva, Praza pública, Diovo e Sermos Galiza. A imaxe do galego asóciase ás novas tecnoloxías, pero aínda o groso da poboación está moi lonxe deste espazo maioritariamente da mocidade. 

Curiosamente, poderíase pensar que van ser os xornalistas destas cabeceiras que apostan pola nosa lingua os que van fornecer os candidatos a este premio que este ano cumpre dez anos. Non é así, nin cando existía o semanario A Nosa Terra, a presenza de participantes publicados neste xornal eran maioritarias. Parece estrano que estes xornalistas comprometidos coa nosa lingua non dea un paso adiante asumindo como propio un dos poucos premios xornalísticos que existen en Galicia comprometido coa nosa lingua e coa nosa terra. Non sei se a difusión do premio non é a correcta, como ás veces pensa Xabier ou cren que o seu labor xornalístico non ten o nivel axeitado para ser presentado ao Premio de Xornalismo Johan Carballeira.  

Non sei se algunha vez seremos quen de atopar a resposta a esta cuestión e sobre todo, poder corrixir esta anomalía. Pero o que si teño claro é que Johan Carballeira, un dos grandes xornalistas galegos de principios do século XX, e que dá nome a este premio, ben merece que todos os xornalistas que militan na nosa lingua e que se comprometen cada día con ela, tamén o fagan cun premio que, coma eles, milita e se compromete co seu labor de normalización do uso do galego no ámbito xornalístico. 

Non falo hoxe das propostas presentadas porque ata o 18 de maio, data na que nos xuntaremos os membros do xurado, ese será o momento de falar dos candidatos e sobre todo do premiado. 

Falemos galego. Do Entroido a himno reivindicativo (2014) 

Poucos veciños do Morrazo sabían ata agora que unha das cancións bandiera da defensa da nosa lingua, ‘Falemos galego’ que popularizou A roda, nacera no Morrazo aló polo década dos 70 como cantar do entroido. O seu autor foi un veciño de Bueu, José Diz, ao que hai uns días a Asociación cultural Ricardo Gómez Buceta xunto co Concello lle fixeron unha homenaxe e fixeron xustiza. 

Todos se preguntarán como dende o entroido desta vila mariñeira puido chegar a converterse nun himno da defensa do galego. Como en máis dunha ocasión foi grazas á casualidade e a unha serie de feitos que tiñan que producirse e se produciron. Durante os primeiros anos da década dos 70 un grupo de mozos do Morrazo entre os que estaba o meu Seso Portela, co que temos compartido máis dunha aventura política e cultural, estaban facendo o servicio militar e comezaron a cantar para calmar o aburrimento. Con eles estaba un mozo vigués que despois faría carreira no mundo da música, Suso Vaamonde. Cando o Suso escoitou este cantar de carnaval quedou a escoitar e cando remataron pediulle a Seso que lle escribise a letra. Así a composición de José Diz pasou a formar parte do repertorio de Suso e a converterse no que hoxe é. 

Outra casualidade do destino fixo que a canción chegara aos membros de A roda e que fosen estes os que lle desen o pulo definitivo para convertela no cantar de defensa do noso idioma. Despois de que moitos pensaran que a composición fora obra dos da Roda chegou o momento de que o seu autor teña o recoñecemento que realmente se merece. José Diz é un home discreto e nada fachendoso, pero iso non quita que os veciños do Morrazo e os galegos lle recoñezamos o seu labor. 

Bueu, faro cultural na II República

Durante os anos da II República a vila morracense de Bueu reuniu nas súas rúas importantes intelectuais: Torrente Ballester, Johan Carballeira, Rómulo Gallegos, Maruxa Mallo, e as constantes visitas de Castelao á taberna do seu amigo, Francisco Escáneo.
O propio Torrente afirma en máis dunha ocasión, que unha noite espertouno unha conversa de profundidade filosófica que se estaba producindo ao pé da súa ventá, cando se asomou para ver que eran os conversadores, sorprendeuse moito ao comprobar que se trataba de dous nariñeiros.
Este ambiente cultural maniféstase tamén no nacenento de grupos teatrais formados polos vecinos máis inquedos que representaban diferentes pezas. Entre os que estaba o tenente alcalde, Fariña, personaxe que aínda permanece na lembranza dos vecinos máis vellos como un gran orador e unha persona moi culta, vítima da represión fascista.
Torrente bebeu das fontes da cultura europea e universal na biblioteca que un indiano posuía na Praia de Beluso e na que pasaba moitas horas. Esta biblioteca, da que hoxe só quedan as palabras de Torrente, debeu ser a máis importante da comarca. E todo o ambiente cultural, social e político que viviu en Bueu serviulle para crear unha das súas obras maestras, Los gozos y las sombras, nas que a vila de Bueu acada a súa condición de espazo literario, como serán tamén Macondo ou Dalmara nas obras de García Márquez e Xosé Carlos Caneiro.
Todo este fervedoiro cultural non é froito da casualidade. Como tampouco o é que unha das imaxes que aparece na fita máis antiga rodada polo primeiro director de cine galego, Carlos Velo, sexa a dun bote polbeiro (embarcación típica de Bueu) e que teña no seu costado como nome o da propia vila, Bueu. A presenza de todos estes intelectuais proporcionou o pulo necesario para todo este fervedoiro cultural, nesta etapa de liberdades que supuxo a II República, se desenvolvese e consolídase ata os tráxicos días do golpe militar do 36 e a conseguinte represión á que foi sometida a vila de Bueu, e da que noutra ocasión falarrnos nesta columna.
Nos anos negros da ditadura este xermolo cultural non desapareu. Homes como José María Estévez adicaron parte importante da súa vida a recompilar o día a día das pequeñas cousas e feitos que se produciron en Bueu, como fixeran os ilustrados no XVIII. Todo este traballo aparecerá postumamente publicado no seu libro Recoñecer Bueu, obra editada pola Deputación Provincial de Pontevedra e que debería ser reeditada.
Naactualidade este labor recolleuno Arturo Cidrás, que leva adicadas moitas horas da súa vida ao labor de recoller e investigar sobre a vila morracense e que fai público a través da rede en dousespazos que se poden visitar en: acidras.blogspot.com.es e http://www.wix.com/viladebueu/bueu.
Estas liñas son unha homenaxe a todos eles e unha demostración de que o labor dos intelectuais é vital para os pobos poidan conservar o legado dos devanceiros. A vila de Bueu e os seus intelectuais non son unha excepción.

O neno que soñaba coa illa de Ons (2013)

A Xunta de Galicia está traballando nestas últimas semanas nas concesións das vivendas dos colonos da Illa de Ons, porque contra o que moitos pensan os colonos nunca foron propietarios dos terreos que ocupan. Alguén se plantearía que un alugueiro reclame a propiedade da vivenda na que vive? No caso da Illa de Ons isto é un feito e mesmo recibe o apoio da administración local. A illa sempre foi de propiedade privada ata que en tempos de Franco foi expropiada para usos militares por un millón das antigas pesetas. Todos os veciños de Bueu e o propio goberno saben que nunca tivo ese fin. Por ese fin non cumprido a familia reclamou a reversión da propiedade e da propia vivenda familiar.
Poucos saben en Bueu que a derradeira familia propietaria da Illa de Ons era da parroquia de Cela e que dende o adro da súa igrexa, que ten unha vista privilexiada da ría presidida pola maxestuosa illa de fondo, un neno soñaba con ser algún día o seu dono. Este neno era Manuel Riobó Guimeráns, e a súa historia é a de perseguir un soño que se acabou cumprindo. Eu, que tiven a sorte de compartir a historia familar, grazas ao seu sobriño neto, Jorge Cuadros, quero lembrala unha vez máis e abrir unha nova perspectiva na historia das propiedades que hoxe se pretenden regularizar por parte da administración.
No derradeiro cuarto do século XIX, non era nada habitual que unha persoa nacida nunha pequena parroquia como Cela chegase a converterse en médico de sona. Para elo, a máis das posibilidades materiais necesarias tiña que posuír unha capacidade intelectual importante. Manuel Riobó Guimeráns posuíaas, dotado dunha intelixencia que chamou a atención de mestres e curas, e por medio deles, recibiu bolsas de estudos para continuar a súa formación en Compostela.
Pero ata producirse a súa marcha a capital de Galicia, a súa nenez transcorreu na nosa parroquia. Puido mergullarse na nosa natureza, lonxe do estrago que o progreso lle foi imprimindo. Daquela as rías galegas estaban moito menos castigadas pola contaminación industrial e urbana e non tiña a nosa parroquia sementada de asfalto e formigón os seus carreiros e corredoiras. Manuel, debruzado no muro que acouta o noso templo románico, seguramente observaba o arquipélago ó tempo que medraba nel o soño de achegarse á Illa, pero nunca soñaría con posuíla, con ser o seu propietario. Iso estaba aínda moi lonxe e resultaba impensable no seu maxín de neno.
Manuel Riobó, co seu título de médico e despois de exercer como tal na súa terra, foi enviado a Filipinas, cando era aínda unha colonia española. Chegou aló pola necesidade do goberno de cubrir certas carencias profesionais no arquipélago mediante o traslado de profesionais de sona. Daquela xa estaba casado con Dolores Bustelo e era pai de catro fillos, Afonso, Didio, Sofía e Elixio.
Foron moitos os anos que pasou tan lonxe exercendo a súa profesión, acadando moita sona e recoñecemento entre o pobo e os gobernantes e facendo negocios con outros españois. A comezos do século XX, a morriña encheu o seu corazón e como lle acontece a moitos emigrantes decidiu que xa era o momento de voltar. Deixando parte da familia en Asia e acompañado de Sofia e Didio decidiu regresar. Dúas eran as súas teimas no retorno: seguir exercendo a medicina e investir os cartos que tiña gañado fóra, na súa terra.
Unha das inversións que realizou suponía facer realidade un vello soño, así en 1918 mercou a Illa de Ons a partes iguais con Marcial Bernadal ó seu propietario que era o Marqués de Valadares. Para os novos propietarios, a illa proporcionaba un conxunto de actividades: a pesca en xeral e a do polbo en particular, a explotación agropecuaria e a administración dos alugueiros. Antes destas datas, pouco antes de voltar a Filipinas, xa tiña gañado por oposición o nomeamento de Forense de Vigo (o primeiro da cidade) que compatibilizaba con outras actividades e co de médico en Bueu.
Acadou moita sona na comarca pola súa entrega e adicación ás xentes de Bueu e da Illa, ós que atendía en moitos casos de balde.
No ano 21 decidiu mercar a parte do seu socio Marcial Bernadal e para elo fixo que o seu fillo Afonso liquidase tódolos seus bens e negocios en Filipinas e que a familia regresase a Galicia. Afonso cumpriu o ordenado e regresou a Galicia coa familia entre a que se atopaba Dolores, a súa primeira filla e neta de Manuel. Ela é a única testemuña viva dos feitos que aquí se relatan e a única que pode avalar esta historia.
Deste xeito a Illa pasou a ser propiedade da familia Riobó, isto supuxo renunciar a tódolos negocios de fóra. O arquipélago supoñía un ben material incalculable e ese feito ía facer da súa historia unha das moitas inxustizas que se teñen cometido. Co paso do tempo Manuel, aínda en plena vitalidade pero nun acto de responsabilidade e consciente de que a súa idade lle impedía atender a todas as súas obrigas decidiu delegar parte delas no seu fillo Didio, un dos personaxes máis sobranceiros desta historia. Didio Riobó Bustelo fíxose cargo da administración da Illa, actividade que, por mor da súa personalidade, lle ía dar máis dun problema.

Os «nativos dixitais». Falacia ou etiqueta?

Cando escoito aos gurús da educación falar dos nativos dixitais teño a sensación de estar diante dunha nova etiqueta.
Os que estamos nas aulas a diario non percibimos as excelencias destes fillos das tecnoloxías. Eles son fillos do seu tempo como nós fomos do vídeo, dvd ou das primeiras computadores.
Os mozos de hoxe en día son usuarios das redes sociais, teñen acceso á información de forma máis inmediata pero non son diferentes a outras xeracións precedentes que viviron avances semellantes: electricidade, automoción…
Non dubido que o sistema educativo debe facer seus os avances e debe guiar aos alumnos no uso racional dos novos medios e no aproveitamento das potencialidades dos medios dixitais.
O máis sorprendente é que son os propios “nativos dixitais” os que reclaman o libro en papel para adquirir coñecementos. Por que? A resposta é sinxela. Para eles o mundo dixital forma parte do seu lecer e non da súa instrución académica.
Non dubido que os que inician a súa andaina educativa rodeados da tecnoloxía, poidan pensar nela como nunha ferramenta de aprendizaxe. Pero de aí a falar xa de nativos dixitais vai moito.
Isto lévame a outra reflexión. Como poden ser nativos dixitais os nenos dos centros públicos do Morrazo, cando están lonxe de ter aulas dixitais?

Cara onde vai o xornalismo (2012)

O pasado sábado día 5 de maio tiven o privilexio de compartir xurado con dous xornalistas e amigos, Elena Gallego e Moncho Paz. Despois de analizar os candidatos e coincidir na reportaxe que merecía o premio, comezamos a reflexionar sobre a situación do xornalismo en Galicia e en galego. Analizamos a perda de medios na nosa lingua despois da desaparición de dúas cabeceiras como Xornal de Galicia e A Nosa Terra, e do portal Vieiros. A crise que sofren os medios e a falta de criterio dos novos xornalistas. Felicitámonos pola aparición de novas iniciativas xornalísticas no eidodixital como Praza Pública ou Sermos Galiza. O que máis me preocupou foi a afirmación de Moncho Paz ao respecto da Facultade de xornalismo e que me deixou moi precupado como lector cotián de prensa: “Hai docentes na Faultade que nunca pisaron unha redacción”. Ante esta evidencia non é de estrañar que a calidade dos medios sexa a que é. Nas universidades deberían estar como formadores os máissobranceiros no seu campo para formar profesionais de calidade. As obviedades que ás veces supoñemos son contraditas pola realidade imperante. Elena incidiu na perda de calidade dos medios aparellada á perda de calidade dos lectores. Esta afirmación concorda coa evidencia da perda de formación e espíritu crítico dos lectores, cada vez lemos menos e somos máis manipulables. Os medios teñen máis doado manipularnos porque o noso espírito crítico está baixo mínimos. Os medios non fan nada por coidar o seu traballo nin os lectores reclaman a calidade dos medios. O mesmo que aconteceu coa calidade televisiva está a acontecer coa prensa escrita. Xa vai chegando o tempo de esixir un xornalismo de calidade para que a información sexa tratada con rigor e estilo.

Un modelo de Estado fallido (2013)

Estes días convulsos economicamente falando provocan o debate sobre o estado das autonomías e os diferentes organismos do estado. Parece ser que a clave está no reforzamento das Deputacións Provinciais en detrimento das Mancomunidades e as Áreas Metropolitanas. Parece un pouco estrano que unha institución anacrónica sexa o organismo a reforzar por parte da admistración do estado fronte á organismos supramunicipais máis próximos aos cidadáns como poden ser as mancomunidades e áreas metropolitanas.
O grande problema da administración española está na necesidade de manter diluidas as nacionalides históricas e que non teñan unha identidade propia fronte ao estado. Por iso o que recolle a Constitución do 78 como entidades diferenciadas dentro do estado (Galicia, Euskadi e Catalunya) xunto co sistema foral Navarro se acaba convertendo nun estado das autonomías totalmente insostible e baseado na identidade rexional, en moito casos que da lugar a comunidades artificiais como poden ser Madrid. A descentralización de competencias de forma indiscriminada que se produciu no goberno de Aznar non trouxo consigo unha descentralización real senón que a duplicidade de administracións e a non desaparición dos entes provinciais que fora nunha creación no reinado de Isabel II.
O Estado Español foi durante moitos anos un reino de reinos, de feito a denominación Reino de Galicia foi derogado pola propia Isabel II. A tendencia natural de España debe ser cara un estado federal no que desapareza a distribución provincial e as deputacións, e se lle dea maior entidade á administración autonómica e á local. Hoxe en día a administración local asume moitas competencias para as que carece de financiación –servizos sociais- porque a administración autonómica lle foi cedendo as competencias, pero non os cartos para xestionalas.
Debemos tender cara un modelo no que as autonomías teñan competencia e financiación real. Dicir isto cando moitas están na situación económica na que se atopan parece moi ousado, pero coido que o problema está no modelo ademais da mala xestión política. A administración debe estar ao servizo dos cidadáns e non ao servizo de manter un modelo que non é viable. Só coñezo dous posibles modelos de estado o centralizado e o federal, outros inventos están condeados ao fracaso.

Os filósofos da rúa (2013)

Toda vila ten os seus personaxes que viven á marxe dos convencionalismos sociais e fan a súa vida sen importarlle o que poidan pensar os demais. A vila morracense de Bueu non é unha excepción. Polas súas rúas camiñaron: Juan Santos, Mundín, Carina… Nomes que, todos eles, agochan unha historia triste disfrazada de vida bohemia e á marxe de convencionalismos sociais. Eles son os que mellor definen as xentes dunha vila.
Mundín e Carina son personaxes da miña infancia e sobre todo da miña adolescencia. Aínda recordo algúns encontros con Mundín e o seu gato, canto podería contarnos o felino se tivese acceso á arte da palabra! A súa vida bohemia e o seu traballo de vendedor de cupóns encheron o seu paso pola vida.
O bohemio más sobranceiro e literario da historia de Bueu chega a min a través da lembranza dos máis vellos e do libro de Salvador Rodríguez, Memoria de Náufragos, publicado por ediciones Cardeñoso. A anécdota que conta nas súas páxinas sobre Juan Santos chega a min a través do testemuño directo do meu avó, que como se di nestes casos, ‘el estivo alí’.
Unha mañá que o meu avó se dirixía a Vigo no taxi de Novas, o único que daquela existía en Bueu, chegando ao Alto da Portela, atoparon a Juanito, como adoitaba chamarlle, que ía cun ramo de piñeiro camiño da cidade olívica, pois a un almacén desta cidade vendíalle as súas herbas. O meu avó pediulle a Novas que parara o taxi e dirixíndose ao noso protagonista convidouno a subir para que non fora a pé. Coa ciencia que presidía todas as reflexións deste filósofo da terra, Juan limitouse a responder: -’No, que llevo prisa’.
A relación de Juan Santos coa miña familia era máis próxima do que eu sospeitara. Nalgunha que outra ocasión achegouse á nosa casa familiar na Torre a pedir ’Un vasito de vino’. Nunha delas ademais da cunca de viño tamén pediu un anaco de pan de millo para a súa nai, que segundo el lle gustaba moito. A miña bisavoa foi buscarlle o pan, sentouse fronte ao meu avó na cociña e debullando unha entretida conversa foi bebendo o viño e esfaragullando o pan para o seu bandullo. Cando chegou a hora de marchar o meu avó ofreceulle un pouco máis de pan e un papel para envolvelo, Juan, moi dignamente rexeitouno afirmando que para que a súa nai o probase era abondo e que de enlealo no papel nada porque a súa nai o comía igual.
Nunha tarde de conversa foron estas e outras as lideiras de Juan Santos que foi depelicando meu avó do seu maxín. De todas elas unha que me chamou moito a atención e que define a Juan como un bohemio e un espíritu libre. Na súa casa tiña unha parte do tellado destellada segundo el afirmaba por cuestións de hixiene.
O máximo explendor da figura de Juan Santos chegoulle a través da pluma de Torrente Ballester e da súa obra Los gozos y las sombras. Entre o corolario de personaxes que flúen pola obra inspirada no Bueu de comezos do XX no que Don Gonzalo vivira, reservou un papel destacado á figura de Juanito el relojero. Este personaxe é o salto á eternidade do noso Juan Santos, e digo ben, noso porque forma parte da historia viva desta vila morracense e das súas xentes.
Estas liñas son unha homenaxe a todos eles porque souberon vivir a súa vida lonxe dos convencionalismos da sociedade que lles tocou vivir.

Winnipeg: historia dun exilio obrigado (2013)

Na madrugada do 3 de setembro de 1939 arribaba en Valparaiso un vello cargueiro británico que fletado polo embaixador de Chile en Francia, o poeta Pablo Neruda, saíra do porto galo de Trompeloup un mes antes con 2.040 españois que fuxían da Guerra Civil que se estaba a librar en España froito do golpe militar encabezado polo xeneral Franco. Do interior do barco da esperanza baixaría un mozo de Bueu, chamado José Gallego Costas. A súa historia non é diferente á de milleiros de españois que tiveron que deixar o seu país para non regresar nunca máis. Esta historia é froito das miñas conversas co seu fillo José Gallego que actualmente segue vivindo en Chile, e ao que lle quero agradecer que me permitise coñecer a historia do seu pai.

José Gallego Costas nacera na vila morracense de Bueu e nos anos anteriores ao 36, como moitos outros mozos pasaba os seus días entre o traballo no campo e no mar. O oficio de mariñeiro aprendeuno cun patrón da época ao que chamaban Chacosa e logo grazas ao seu físico rexo, nunha época na que a pesca era artesanal, comezou a traballar no María Pita que patroneaba Benito o Relo.

Cando se produciu o golpe militar foi obrigado a alistarse no bando nacional como moitos galegos. Non se pode esquecer que Galicia, ao caer tan rápido no bando golpista tivo que incorporar moitos dos seus mozos ao exército sublevado. O noso protagonista desertou unha noite xunto co capitán de batallón Manuel Señóráns Agra. O capitán despois de observalo un tempo propúxolle que desertaran xuntos, asumindo un risco moi importante. Aquela noite durante a garda, ás dúas da mañá aproveitando a escuridade dunha noite sen lúa fuxiron ao outro bando. Cando chegaron ao bando republicano foron ben acollidos por un comandate galego e coa información que lles proporcionaron conseguiron vencer aos sublevados.

Da fronte republicana marcharon a Francia polo Pirineos. Xa en  Francia atoparon unha casiña na que vivía unha vella. Esta axudoulles con comida e roupa. Camiñaron durante 2 ou 3 días ata atopar unha vila totalmente deserta, entraron nunha tenda e só atoparon roupa de muller, aproveitaron as chambras. De aí ao campo de concentración francés.

Para  José Gallego, como para moitos galegos que fuxiron do bando nacional e chegaron a Francia, a acollida que tiveron en terras galas non foi a agardada. Pasaron do inferno da guerra ao dos campos de concentración. O noso protagonista foi un dos privilexiados que puido marchar grazas ao labor de Pablo Neruda e a un vello cargueiro, o Winnipeg.

Outro día vos contarei que foi do noso protagonista na nova terra á que viña de chegar.

Artigo publicado en praza.com e recollido no volume A Ágora do Aletófilo.