Bueu, faro cultural na II República

Durante os anos da II República a vila morracense de Bueu reuniu nas súas rúas importantes intelectuais: Torrente Ballester, Johan Carballeira, Rómulo Gallegos, Maruxa Mallo, e as constantes visitas de Castelao á taberna do seu amigo, Francisco Escáneo.
O propio Torrente afirma en máis dunha ocasión, que unha noite espertouno unha conversa de profundidade filosófica que se estaba producindo ao pé da súa ventá, cando se asomou para ver que eran os conversadores, sorprendeuse moito ao comprobar que se trataba de dous nariñeiros.
Este ambiente cultural maniféstase tamén no nacenento de grupos teatrais formados polos vecinos máis inquedos que representaban diferentes pezas. Entre os que estaba o tenente alcalde, Fariña, personaxe que aínda permanece na lembranza dos vecinos máis vellos como un gran orador e unha persona moi culta, vítima da represión fascista.
Torrente bebeu das fontes da cultura europea e universal na biblioteca que un indiano posuía na Praia de Beluso e na que pasaba moitas horas. Esta biblioteca, da que hoxe só quedan as palabras de Torrente, debeu ser a máis importante da comarca. E todo o ambiente cultural, social e político que viviu en Bueu serviulle para crear unha das súas obras maestras, Los gozos y las sombras, nas que a vila de Bueu acada a súa condición de espazo literario, como serán tamén Macondo ou Dalmara nas obras de García Márquez e Xosé Carlos Caneiro.
Todo este fervedoiro cultural non é froito da casualidade. Como tampouco o é que unha das imaxes que aparece na fita máis antiga rodada polo primeiro director de cine galego, Carlos Velo, sexa a dun bote polbeiro (embarcación típica de Bueu) e que teña no seu costado como nome o da propia vila, Bueu. A presenza de todos estes intelectuais proporcionou o pulo necesario para todo este fervedoiro cultural, nesta etapa de liberdades que supuxo a II República, se desenvolvese e consolídase ata os tráxicos días do golpe militar do 36 e a conseguinte represión á que foi sometida a vila de Bueu, e da que noutra ocasión falarrnos nesta columna.
Nos anos negros da ditadura este xermolo cultural non desapareu. Homes como José María Estévez adicaron parte importante da súa vida a recompilar o día a día das pequeñas cousas e feitos que se produciron en Bueu, como fixeran os ilustrados no XVIII. Todo este traballo aparecerá postumamente publicado no seu libro Recoñecer Bueu, obra editada pola Deputación Provincial de Pontevedra e que debería ser reeditada.
Naactualidade este labor recolleuno Arturo Cidrás, que leva adicadas moitas horas da súa vida ao labor de recoller e investigar sobre a vila morracense e que fai público a través da rede en dousespazos que se poden visitar en: acidras.blogspot.com.es e http://www.wix.com/viladebueu/bueu.
Estas liñas son unha homenaxe a todos eles e unha demostración de que o labor dos intelectuais é vital para os pobos poidan conservar o legado dos devanceiros. A vila de Bueu e os seus intelectuais non son unha excepción.

O neno que soñaba coa illa de Ons (2013)

A Xunta de Galicia está traballando nestas últimas semanas nas concesións das vivendas dos colonos da Illa de Ons, porque contra o que moitos pensan os colonos nunca foron propietarios dos terreos que ocupan. Alguén se plantearía que un alugueiro reclame a propiedade da vivenda na que vive? No caso da Illa de Ons isto é un feito e mesmo recibe o apoio da administración local. A illa sempre foi de propiedade privada ata que en tempos de Franco foi expropiada para usos militares por un millón das antigas pesetas. Todos os veciños de Bueu e o propio goberno saben que nunca tivo ese fin. Por ese fin non cumprido a familia reclamou a reversión da propiedade e da propia vivenda familiar.
Poucos saben en Bueu que a derradeira familia propietaria da Illa de Ons era da parroquia de Cela e que dende o adro da súa igrexa, que ten unha vista privilexiada da ría presidida pola maxestuosa illa de fondo, un neno soñaba con ser algún día o seu dono. Este neno era Manuel Riobó Guimeráns, e a súa historia é a de perseguir un soño que se acabou cumprindo. Eu, que tiven a sorte de compartir a historia familar, grazas ao seu sobriño neto, Jorge Cuadros, quero lembrala unha vez máis e abrir unha nova perspectiva na historia das propiedades que hoxe se pretenden regularizar por parte da administración.
No derradeiro cuarto do século XIX, non era nada habitual que unha persoa nacida nunha pequena parroquia como Cela chegase a converterse en médico de sona. Para elo, a máis das posibilidades materiais necesarias tiña que posuír unha capacidade intelectual importante. Manuel Riobó Guimeráns posuíaas, dotado dunha intelixencia que chamou a atención de mestres e curas, e por medio deles, recibiu bolsas de estudos para continuar a súa formación en Compostela.
Pero ata producirse a súa marcha a capital de Galicia, a súa nenez transcorreu na nosa parroquia. Puido mergullarse na nosa natureza, lonxe do estrago que o progreso lle foi imprimindo. Daquela as rías galegas estaban moito menos castigadas pola contaminación industrial e urbana e non tiña a nosa parroquia sementada de asfalto e formigón os seus carreiros e corredoiras. Manuel, debruzado no muro que acouta o noso templo románico, seguramente observaba o arquipélago ó tempo que medraba nel o soño de achegarse á Illa, pero nunca soñaría con posuíla, con ser o seu propietario. Iso estaba aínda moi lonxe e resultaba impensable no seu maxín de neno.
Manuel Riobó, co seu título de médico e despois de exercer como tal na súa terra, foi enviado a Filipinas, cando era aínda unha colonia española. Chegou aló pola necesidade do goberno de cubrir certas carencias profesionais no arquipélago mediante o traslado de profesionais de sona. Daquela xa estaba casado con Dolores Bustelo e era pai de catro fillos, Afonso, Didio, Sofía e Elixio.
Foron moitos os anos que pasou tan lonxe exercendo a súa profesión, acadando moita sona e recoñecemento entre o pobo e os gobernantes e facendo negocios con outros españois. A comezos do século XX, a morriña encheu o seu corazón e como lle acontece a moitos emigrantes decidiu que xa era o momento de voltar. Deixando parte da familia en Asia e acompañado de Sofia e Didio decidiu regresar. Dúas eran as súas teimas no retorno: seguir exercendo a medicina e investir os cartos que tiña gañado fóra, na súa terra.
Unha das inversións que realizou suponía facer realidade un vello soño, así en 1918 mercou a Illa de Ons a partes iguais con Marcial Bernadal ó seu propietario que era o Marqués de Valadares. Para os novos propietarios, a illa proporcionaba un conxunto de actividades: a pesca en xeral e a do polbo en particular, a explotación agropecuaria e a administración dos alugueiros. Antes destas datas, pouco antes de voltar a Filipinas, xa tiña gañado por oposición o nomeamento de Forense de Vigo (o primeiro da cidade) que compatibilizaba con outras actividades e co de médico en Bueu.
Acadou moita sona na comarca pola súa entrega e adicación ás xentes de Bueu e da Illa, ós que atendía en moitos casos de balde.
No ano 21 decidiu mercar a parte do seu socio Marcial Bernadal e para elo fixo que o seu fillo Afonso liquidase tódolos seus bens e negocios en Filipinas e que a familia regresase a Galicia. Afonso cumpriu o ordenado e regresou a Galicia coa familia entre a que se atopaba Dolores, a súa primeira filla e neta de Manuel. Ela é a única testemuña viva dos feitos que aquí se relatan e a única que pode avalar esta historia.
Deste xeito a Illa pasou a ser propiedade da familia Riobó, isto supuxo renunciar a tódolos negocios de fóra. O arquipélago supoñía un ben material incalculable e ese feito ía facer da súa historia unha das moitas inxustizas que se teñen cometido. Co paso do tempo Manuel, aínda en plena vitalidade pero nun acto de responsabilidade e consciente de que a súa idade lle impedía atender a todas as súas obrigas decidiu delegar parte delas no seu fillo Didio, un dos personaxes máis sobranceiros desta historia. Didio Riobó Bustelo fíxose cargo da administración da Illa, actividade que, por mor da súa personalidade, lle ía dar máis dun problema.

Os «nativos dixitais». Falacia ou etiqueta?

Cando escoito aos gurús da educación falar dos nativos dixitais teño a sensación de estar diante dunha nova etiqueta.
Os que estamos nas aulas a diario non percibimos as excelencias destes fillos das tecnoloxías. Eles son fillos do seu tempo como nós fomos do vídeo, dvd ou das primeiras computadores.
Os mozos de hoxe en día son usuarios das redes sociais, teñen acceso á información de forma máis inmediata pero non son diferentes a outras xeracións precedentes que viviron avances semellantes: electricidade, automoción…
Non dubido que o sistema educativo debe facer seus os avances e debe guiar aos alumnos no uso racional dos novos medios e no aproveitamento das potencialidades dos medios dixitais.
O máis sorprendente é que son os propios “nativos dixitais” os que reclaman o libro en papel para adquirir coñecementos. Por que? A resposta é sinxela. Para eles o mundo dixital forma parte do seu lecer e non da súa instrución académica.
Non dubido que os que inician a súa andaina educativa rodeados da tecnoloxía, poidan pensar nela como nunha ferramenta de aprendizaxe. Pero de aí a falar xa de nativos dixitais vai moito.
Isto lévame a outra reflexión. Como poden ser nativos dixitais os nenos dos centros públicos do Morrazo, cando están lonxe de ter aulas dixitais?

Cara onde vai o xornalismo (2012)

O pasado sábado día 5 de maio tiven o privilexio de compartir xurado con dous xornalistas e amigos, Elena Gallego e Moncho Paz. Despois de analizar os candidatos e coincidir na reportaxe que merecía o premio, comezamos a reflexionar sobre a situación do xornalismo en Galicia e en galego. Analizamos a perda de medios na nosa lingua despois da desaparición de dúas cabeceiras como Xornal de Galicia e A Nosa Terra, e do portal Vieiros. A crise que sofren os medios e a falta de criterio dos novos xornalistas. Felicitámonos pola aparición de novas iniciativas xornalísticas no eidodixital como Praza Pública ou Sermos Galiza. O que máis me preocupou foi a afirmación de Moncho Paz ao respecto da Facultade de xornalismo e que me deixou moi precupado como lector cotián de prensa: “Hai docentes na Faultade que nunca pisaron unha redacción”. Ante esta evidencia non é de estrañar que a calidade dos medios sexa a que é. Nas universidades deberían estar como formadores os máissobranceiros no seu campo para formar profesionais de calidade. As obviedades que ás veces supoñemos son contraditas pola realidade imperante. Elena incidiu na perda de calidade dos medios aparellada á perda de calidade dos lectores. Esta afirmación concorda coa evidencia da perda de formación e espíritu crítico dos lectores, cada vez lemos menos e somos máis manipulables. Os medios teñen máis doado manipularnos porque o noso espírito crítico está baixo mínimos. Os medios non fan nada por coidar o seu traballo nin os lectores reclaman a calidade dos medios. O mesmo que aconteceu coa calidade televisiva está a acontecer coa prensa escrita. Xa vai chegando o tempo de esixir un xornalismo de calidade para que a información sexa tratada con rigor e estilo.