Winnipeg: historia dun exilio obrigado (2013)

Na madrugada do 3 de setembro de 1939 arribaba en Valparaiso un vello cargueiro británico que fletado polo embaixador de Chile en Francia, o poeta Pablo Neruda, saíra do porto galo de Trompeloup un mes antes con 2.040 españois que fuxían da Guerra Civil que se estaba a librar en España froito do golpe militar encabezado polo xeneral Franco. Do interior do barco da esperanza baixaría un mozo de Bueu, chamado José Gallego Costas. A súa historia non é diferente á de milleiros de españois que tiveron que deixar o seu país para non regresar nunca máis. Esta historia é froito das miñas conversas co seu fillo José Gallego que actualmente segue vivindo en Chile, e ao que lle quero agradecer que me permitise coñecer a historia do seu pai.

José Gallego Costas nacera na vila morracense de Bueu e nos anos anteriores ao 36, como moitos outros mozos pasaba os seus días entre o traballo no campo e no mar. O oficio de mariñeiro aprendeuno cun patrón da época ao que chamaban Chacosa e logo grazas ao seu físico rexo, nunha época na que a pesca era artesanal, comezou a traballar no María Pita que patroneaba Benito o Relo.

Cando se produciu o golpe militar foi obrigado a alistarse no bando nacional como moitos galegos. Non se pode esquecer que Galicia, ao caer tan rápido no bando golpista tivo que incorporar moitos dos seus mozos ao exército sublevado. O noso protagonista desertou unha noite xunto co capitán de batallón Manuel Señóráns Agra. O capitán despois de observalo un tempo propúxolle que desertaran xuntos, asumindo un risco moi importante. Aquela noite durante a garda, ás dúas da mañá aproveitando a escuridade dunha noite sen lúa fuxiron ao outro bando. Cando chegaron ao bando republicano foron ben acollidos por un comandate galego e coa información que lles proporcionaron conseguiron vencer aos sublevados.

Da fronte republicana marcharon a Francia polo Pirineos. Xa en  Francia atoparon unha casiña na que vivía unha vella. Esta axudoulles con comida e roupa. Camiñaron durante 2 ou 3 días ata atopar unha vila totalmente deserta, entraron nunha tenda e só atoparon roupa de muller, aproveitaron as chambras. De aí ao campo de concentración francés.

Para  José Gallego, como para moitos galegos que fuxiron do bando nacional e chegaron a Francia, a acollida que tiveron en terras galas non foi a agardada. Pasaron do inferno da guerra ao dos campos de concentración. O noso protagonista foi un dos privilexiados que puido marchar grazas ao labor de Pablo Neruda e a un vello cargueiro, o Winnipeg.

Outro día vos contarei que foi do noso protagonista na nova terra á que viña de chegar.

Artigo publicado en praza.com e recollido no volume A Ágora do Aletófilo.

Tres personaxes na procura de Blanco Amor

O esmorgante

Quen son eu?
Eu son Cipriano Canedo e me chaman Cibrán ou o Castizo, como vostede goste, pois o meu pai tiña un castizo para servire porcas, con licencia… Anque tamén me chaman o Tiñica e o Puchapodre, porque de rapaz tiven a tiña, que me durou hastra mozo, e andaba coa gorra apegada…..
Que fago aquí?
Se lle digo a verdade moi ben non llo sei, porque eu non son máis ca un personaxe de ficción. Un dos tres esmorgantes.
Para falar do meu creador? Non sei se eu co meu pouco entendemento poderei facelo. Pero se vostede quere ata podo tentalo. Eu moito del non é que lle saiba. E preguntarase vostede como un fillo pode ser tan mal encarado que non coñece nada do seu pai. Pois no meu caso élle así. Pero vou tentar contarlle o que sei del. Pero pregunte vostede.
Quen foi mi padre?
Según teño entendido foille un escritor ourensán chamado don Eduardo Blanco Amor. Segundo me teñen contado, don Eduardo naceu no seo dunha familia de clase media vida a menos aló polos derradeiros día do verán do ano de 1987. Era o cuarto de cinco irmáns.
Como foi a súa infancia?
Segundo me teñen contado a súa infacia estivo presidida pola figura de Basilio Álvarez. Si, ten vostede razón, estou a falar do líder agrarista galego. Pero máis que por esta figura a el quen o fascinaba era un crego que o acompañaba nos seus mitin en que empregaba o galego. Esta fascinación pola nosa lingua será a que o leve a escribir na nosa lingua. A atracción polo prohibido, como el mesmo manifestará en algunha ocasión, -pois o uso da nosalinguafoille prohibido de neno- lévao a mesturarse coas xentes que o falaban e a aprender a lingua viva do pobo.
Esta lingua que tanta fascinación lle causaba ó señor Blanco Amor foi a que espallou polas páxinas da miña vida e da dos meus compañeiros: o Bocas e o Milhomes. Se tés un bocadiño de tempo podes achegarte con nós á cidade de Auria ós seus barrios e ós arrabaldos da cidade. Nós non somos mala xente, só tivemos unha mala esmorga e as cousas remataron como remataron.
O noso pai literario soubo retratar as nosas miserias con cariño. Percorreu con nós aquelas rúas molladas como un esmorgante máis e coma nós foi tamén inxustamente tratado polos seus veciños. Nós non eramos ruíns e el soubo recoller o mellor de nós, a nosa impotencia por non poder saír da miseria e da violencia.


O neno
Eu son un dos nenos da cidade de Auria, a vila natal de Don Eduardo, con el vivín moitos momentos da súa infancia. Si, a súa infancia foi como a miña, espertaba en nós unha fascinación engaiolante as aforas da cidade. Eu, coma el, non tiña ido ás arrasadeiras ata que un día o Roxo se decidiu a propoñermo. Tamén tiven os meus primeiros amores nas vellas rúas desta cidade na que sigo vivindo. Con el fixen as miñas primeiras estremonías e dende logo latei por primeira vez á escola. Tamén coma el comunguei por primeira vez agochando un grande segredo e con esa complicidade do neno que está facendo algo malo. Coma el xoguei ós biosbardo só pé do río. Facéndolle tan dura pasar tan dura proba a aquel neno recén chegado doutras terras con aire de fachenda. Fun coma el un neno que descubriu co meigallo que para nós tiña o que era o sexo.
Fun simplemente, como o meu creador, Eduardo un neno de cidade engaiolado polos misterios das aforas e que vivíu o decorrer dos primeiros anos do século na vella cidade de Auria. Nesa cidade que tamén retratou o meu amigo nos seus relatos.
Blanco Amor sente unha especial fascinación polo galego, feito que se reflicte xa en obras como La catedral y el niño ou Los Miedos. Nestas obras os personaxes senten a nosa lingua como unha lingua que non ten o carácter servil que se lle pretendía dar.


O sindicalista
Eu son o protagonista de Xente ao lonxe. Estou aquí porque me mandaron achegarme a este encontro de fillos de Blanco Amor para falarvos da súa estadía en América e do seu labor a prol de Galicia. O mozo Eduardo viuse obrigado a emigrar a América ós vinte e dous anos. Como moitos mozos galegos encheu as adegas dun moderno barco negreiro e deu cos seus ósos en América. Durante a súa estadía nas terras americanas colaborou intensamente co galeguismo. Participou nos xonais e revistas que se publicaban na emigración. Voltou a Galicia para arengar ós galegos na campaña do Estatuto do 36. Retratou maravillosamente o nacemento do movemento socialista no Ourense de principios de século a través da historia da miña familia.


Durante unha das súas viaxes á Península, como correspondente do diario La Nación, relaciónase con García Lorca. Froito desta relación e da fascinación que a Lorca que lle espertara a súa estadía en Galicia escribe o poeta granadino, Seis poemas galegos.
Regresa definitivamente á súa Terra no ano 1956. A acollida foi moi fría.
Durante os anos setenta, xa establecido en Galicia participa de forma activa no mundo do teatro independente. Mundo no que é unha figura emblemática.
Os seus derradeiros anos de existencia están marcados pola compaña dun reducido grupo de amigos e do esquecemento máis cruel por parte de Institucións e dos seus propios paisanos de Auria (Ourense).
Era duro non ser como os demais queren que sexas. E Eduardo sufriu nas súas carnes este feito.
O Ourense da súa época de vellez non lle rendeu nunca a homenaxe que tan merecida tiña. Porque el foi o modernizador da nosa narrativa coa súa obra A Esmorga. El é un claro precedente de narradores como Ferrín, Casares e moitos membros da Nova Narrativa Galega..

Este texto reproduce o contido do folleto publicado polo Concello de Bueu co gallo da celebreración na vila do Premio Blanco Amor no ano 2002. Recollido na obra A Ágora do Aletófilo