Traballando na próxima novela. Velaí un adianto….
Cando Carme entrou na casa da avoa sentiu un baleiro inmenso. A voz da que durante toda a súa vida a recibira cada vez que abría aquela porta hoxe fora substituída por un silenzo que a mergullara na máis profunda das tristuras.
A avoa Xosefa que fora a súa guía e confidente dende a nenez xa no estaba para recibila e agarimala como fixera dende que puxera os seus pés naquel lugar nos seus primeiros meses de vida.
Ela, por expreso desexo da vella e coa conformidade do resto da familia, herdara a casa na que pasara os mellores momentos da súa vida, sempre na compaña daquela muller que espertaba tanta admiración e misterio á vez.
Sempre tivera a sensación que a avoa agochaba unha historia diferente á que lle fixeran crer. Xurdira entre elas un elo de complicidade que ningunha das dúas tivera con ninguén máis.
A avoa quedara viúva moi nova con dous fillos o seu pai, Adolfo que tiña o mesmo nome que o seu avó, que tiña 2 anos daquela e o seu tío Pepe que apenas tiña uns meses. A morte do avó sempre estivera rodeada para ela de
misterio e cando preguntaba que lle acontecera sempre recibía a mesma
resposta: a morte do avó foiche cousa daqueles tempos. Nunca chegara a saber cal fóra a “cousa daqueles tempos” que a privara da posibilidade de coñecer ao avó Adolfo pero cando pensaba nisto, sentía noxo de si mesma porque coidaba que se non morrese o avó non terían a relación que chegaran a ter as dúas. Tiña a sensación de que a vella se encariñara con ela para encher o oco que deixara
nela a morte do seu home.