Estes días ando a remexer nos artigos que me enviaron do Concello de Bueu como membro do Xurado do Premio de Xornalismo Johan Carballeira. Ao fío da lectura das propostas presentadas polos xornalistas participantes xurdiu a reflexión que agora quero compartir con todos os que len as páxinas deste xornal, un dos poucos que aposta polo galego como lingua e como sinal de identidade propia desta terra.
O premio do que son xurado dende hai xa un feixiño de anos ten sempre un grande atranco que preocupa a Xabier, o secretario do premio e quen exerce o seu día a día como animador sociocultural do concello morracense. Por que son tan poucas as propostas que se presentan para un dos poucos premios xornalísticos que hai nesta terra? Moitas veces, cando me traslada esta inquedanza, pensa que a pouca participación hai que procurala na pouca repercusión que ten o certame entre os xornais galegos. Eu, son dos que penso, como outros que foron membros do xurado nalgunha das súas edicións e mesmo premiados, hai que procurala no pouco que se escribe e se publica en galego na prensa deste país. Aí é onde está o cerne da escasa participación e a cuestionable calidade dos artigos, crónicas, entrevistas, reportaxes ou artigos de opinión que chegan cada ano como candidatos ao premio.
Se botamos unha ollada á prensa en galega que sae todos os días á rúa, a presenza da nosa lingua segue a ser marxinal, non hai máis que botar unha ollada ás páxinas de La Voz de Galicia, do Faro de Vigo, La Región, El Progreso, Diario de Pontevedra. Ollo ao dato, todas estas cabeceiras en perfecto castelán. Será pola súa importante presenza fóra da nosa terra? Nada máis lonxe, a non ser o caso de La Voz de Galicia, porque dos outros a súa repercusión fóra de Galicia é unha anécdota. Os xornais galegos seguen deixando á nosa lingua os espazos comarcais, locais, columnas de opinión ou mesmo ás páxinas de sucesos. Mantendo a actitude diglósica que xa vén dende o século XVI e máis de trinta anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística.
O espazo para a lingua galega é curiosamente o máis próximo ás sociedades modernas, o dixital. Aí é onde o galego está a atopar un ámbito no que poder manterse e mesmo fornecerse como lingua. Tres son as cabeceiras nas que se mantén como lingua exclusiva, Praza pública, Diovo e Sermos Galiza. A imaxe do galego asóciase ás novas tecnoloxías, pero aínda o groso da poboación está moi lonxe deste espazo maioritariamente da mocidade.
Curiosamente, poderíase pensar que van ser os xornalistas destas cabeceiras que apostan pola nosa lingua os que van fornecer os candidatos a este premio que este ano cumpre dez anos. Non é así, nin cando existía o semanario A Nosa Terra, a presenza de participantes publicados neste xornal eran maioritarias. Parece estrano que estes xornalistas comprometidos coa nosa lingua non dea un paso adiante asumindo como propio un dos poucos premios xornalísticos que existen en Galicia comprometido coa nosa lingua e coa nosa terra. Non sei se a difusión do premio non é a correcta, como ás veces pensa Xabier ou cren que o seu labor xornalístico non ten o nivel axeitado para ser presentado ao Premio de Xornalismo Johan Carballeira.
Non sei se algunha vez seremos quen de atopar a resposta a esta cuestión e sobre todo, poder corrixir esta anomalía. Pero o que si teño claro é que Johan Carballeira, un dos grandes xornalistas galegos de principios do século XX, e que dá nome a este premio, ben merece que todos os xornalistas que militan na nosa lingua e que se comprometen cada día con ela, tamén o fagan cun premio que, coma eles, milita e se compromete co seu labor de normalización do uso do galego no ámbito xornalístico.
Non falo hoxe das propostas presentadas porque ata o 18 de maio, data na que nos xuntaremos os membros do xurado, ese será o momento de falar dos candidatos e sobre todo do premiado.