Poucos veciños do Morrazo sabían ata agora que unha das cancións bandiera da defensa da nosa lingua, ‘Falemos galego’ que popularizou A roda, nacera no Morrazo aló polo década dos 70 como cantar do entroido. O seu autor foi un veciño de Bueu, José Diz, ao que hai uns días a Asociación cultural Ricardo Gómez Buceta xunto co Concello lle fixeron unha homenaxe e fixeron xustiza.
Todos se preguntarán como dende o entroido desta vila mariñeira puido chegar a converterse nun himno da defensa do galego. Como en máis dunha ocasión foi grazas á casualidade e a unha serie de feitos que tiñan que producirse e se produciron. Durante os primeiros anos da década dos 70 un grupo de mozos do Morrazo entre os que estaba o meu Seso Portela, co que temos compartido máis dunha aventura política e cultural, estaban facendo o servicio militar e comezaron a cantar para calmar o aburrimento. Con eles estaba un mozo vigués que despois faría carreira no mundo da música, Suso Vaamonde. Cando o Suso escoitou este cantar de carnaval quedou a escoitar e cando remataron pediulle a Seso que lle escribise a letra. Así a composición de José Diz pasou a formar parte do repertorio de Suso e a converterse no que hoxe é.
Outra casualidade do destino fixo que a canción chegara aos membros de A roda e que fosen estes os que lle desen o pulo definitivo para convertela no cantar de defensa do noso idioma. Despois de que moitos pensaran que a composición fora obra dos da Roda chegou o momento de que o seu autor teña o recoñecemento que realmente se merece. José Diz é un home discreto e nada fachendoso, pero iso non quita que os veciños do Morrazo e os galegos lle recoñezamos o seu labor.