Durante os anos da II República a vila morracense de Bueu reuniu nas súas rúas importantes intelectuais: Torrente Ballester, Johan Carballeira, Rómulo Gallegos, Maruxa Mallo, e as constantes visitas de Castelao á taberna do seu amigo, Francisco Escáneo.
O propio Torrente afirma en máis dunha ocasión, que unha noite espertouno unha conversa de profundidade filosófica que se estaba producindo ao pé da súa ventá, cando se asomou para ver que eran os conversadores, sorprendeuse moito ao comprobar que se trataba de dous nariñeiros.
Este ambiente cultural maniféstase tamén no nacenento de grupos teatrais formados polos vecinos máis inquedos que representaban diferentes pezas. Entre os que estaba o tenente alcalde, Fariña, personaxe que aínda permanece na lembranza dos vecinos máis vellos como un gran orador e unha persona moi culta, vítima da represión fascista.
Torrente bebeu das fontes da cultura europea e universal na biblioteca que un indiano posuía na Praia de Beluso e na que pasaba moitas horas. Esta biblioteca, da que hoxe só quedan as palabras de Torrente, debeu ser a máis importante da comarca. E todo o ambiente cultural, social e político que viviu en Bueu serviulle para crear unha das súas obras maestras, Los gozos y las sombras, nas que a vila de Bueu acada a súa condición de espazo literario, como serán tamén Macondo ou Dalmara nas obras de García Márquez e Xosé Carlos Caneiro.
Todo este fervedoiro cultural non é froito da casualidade. Como tampouco o é que unha das imaxes que aparece na fita máis antiga rodada polo primeiro director de cine galego, Carlos Velo, sexa a dun bote polbeiro (embarcación típica de Bueu) e que teña no seu costado como nome o da propia vila, Bueu. A presenza de todos estes intelectuais proporcionou o pulo necesario para todo este fervedoiro cultural, nesta etapa de liberdades que supuxo a II República, se desenvolvese e consolídase ata os tráxicos días do golpe militar do 36 e a conseguinte represión á que foi sometida a vila de Bueu, e da que noutra ocasión falarrnos nesta columna.
Nos anos negros da ditadura este xermolo cultural non desapareu. Homes como José María Estévez adicaron parte importante da súa vida a recompilar o día a día das pequeñas cousas e feitos que se produciron en Bueu, como fixeran os ilustrados no XVIII. Todo este traballo aparecerá postumamente publicado no seu libro Recoñecer Bueu, obra editada pola Deputación Provincial de Pontevedra e que debería ser reeditada.
Naactualidade este labor recolleuno Arturo Cidrás, que leva adicadas moitas horas da súa vida ao labor de recoller e investigar sobre a vila morracense e que fai público a través da rede en dousespazos que se poden visitar en: acidras.blogspot.com.es e http://www.wix.com/viladebueu/bueu.
Estas liñas son unha homenaxe a todos eles e unha demostración de que o labor dos intelectuais é vital para os pobos poidan conservar o legado dos devanceiros. A vila de Bueu e os seus intelectuais non son unha excepción.